← Todos os proxectos

Unha nova imaxe para a Orquestra Sinfónica de Galicia

Entidade

OSG

Ano

2026

Acompañamento

O proxecto

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das grandes institucións culturais do país e unha entidade de referencia a nivel internacional. Arredor dela funciona todo un ecosistema musical: o Coro, a Orquestra Xove e a Orquestra Infantil que abranguen diferentes ámbitos, xentes e idades. Coa chegada dunha nova xerencia, a OSG abre unha etapa de renovación e quere conectar mellor coa sociedade galega, co seu público abonado e coas empresas que a apoian.

O reto era contar esa nova etapa tamén coa imaxe, sen perder a solidez dunha institución con esta traxectoria. Xa redeseñamos o logotipo e construímos un sistema de marca que dá unidade a todas as agrupacións, cada unha cos seus propios usos. Esa identidade tradúcese nunha liña gráfica de temporada que chega aos carteis, aos programas de man, á publicidade exterior e ás redes sociais.

Estamos, tamén a desenvolver un novo portal en WordPress, pensado sobre todo para o móbil. Nesta nova web, a programación, os músicos e os proxectos educativos son fáciles de atopar, e a compra de abonos e entradas faise sen fricións. Tamén hai espazo para dar visibilidade aos patrocinadores e o equipo da orquestra pode xestionalo con autonomía.

Este traballo é só o comezo. A nosa vontade é seguir acompañando á OSG na súa comunicación e abrir a orquestra a públicos que hoxe a senten lonxe… e estamos felices de contribuír a que a música sinfónica soe máis preto da xente.